Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Voltar
O CONCELLO DE BUEU XA TEN APROBADO PROVISIONALMENTE O PXOM
[Urbanismo]
[Do Xoves, 17 de Marzo do 2016 ao Xoves, 17 de Marzo do 2016]
Pleno aprobación provisional PXOM Bueu
Pleno aprobación provisional PXOM Bueu
O pleno de aprobación provisional foi este mércores, 16 de marzo, ás 21 horas // Esta decisión tómase a poucos días da entrada en vigor da nova Lei do Solo // En dous ou tres meses, a Secretaría Xeral de Urbanismo decidirá a aprobación definitiva
Tras seis anos de trámite, o Concello de Bueu acolleu onte o pleno extraordinario no que se aprobou de forma provisional o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cos votos a favor do grupo de goberno, BNG, e de ACB-SON. O grupo do PSOE votou en contra, e os tres concelleiro/as do PP preferiron ausentarse durante a votación, xa que “non querían votar en contra dos técnicos municipais”. Esta decisión tómase in extremis, a poucos días da entrada en vigor da nova Lei do Solo que, de non aprobarse, faría volver todo o proceso atrás.
Iniciouse o pleno cunha intervención do alcalde, Félix Juncal, quen destacou a importancia da sesión, e mostrouse satisfeito por formar parte da corporación que aprobe o planeamento de Bueu. O rexedor tivo palabras de loubanza para os técnicos e funcionariado que fixeron posible “o compromiso colectivo e a adopción da mellor das propostas” e fixo un chamamento ao consenso dos grupos políticos para aprobar unha “proposta que non satisfai plenamente a ninguén, pero que é a mellor das posibles”.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, foi o encargado de dar lectura á acta da comisión de urbanismo referente ao PXOM, e de explicar todo o que foi o proceso de tramitación, que comezou a esbozarse co novo equipo redactor no ano 2010. Foi en xullo de 2013 cando se aprobou o Plan inicialmente, someténdose a continuación a un período de alegacións público de dous meses, que se estendeu logo a tres. Durante ese tempo presentáronse un total de 811 alegacións, das que se aprobaron 470, segundo declarou o edil de urbanismo. Despois o plan tivo que enviarse a máis de vinte administracións con competencias no noso concello, para que puidesen avaliar diferentes parámetros e a viabilidade do PXOM, e precisamente o último ano a tramitación baseouse en agardar polos dous informes que restaban, o de patrimonio e o de viabilidade ambiental, que retrasaron todo o proceso. Con todo, finalmente o trámite chega a tempo, e o PXOM de Bueu aprobouse provisionalmente, polo que nestes días se preparará a documentación para enviar á Secretaría Xeral de Urbanismo para que revise o documento, e poida aprobalo definitivamente, o que ten un período aproximado de dous ou tres meses.
Con todo, a oposición fixo as súas propias declaracións e mostrouse crítica co goberno. José Manuel Vilas, voceiro do PSOE, votou en contra e fundamentou a súa intervención en expoñer unha serie de puntos que o plan debería corrixir, xa que, en caso contrario, “suporía a defunción do rural”. Semellantes declaracións tivo o PP, que mostrou os puntos débiles do traballo do equipo redactor, loando os dos técnicos municipais.
Finalmente, Julio Villanueva declarouse a favor de que Bueu conta xa cun plan xeral, xa que de paralizarse agora “suporía ter que comezar todo de novo, e non estamos para iso”, sentenciou.
Martín Villanueva, edil de urbanismo, explicando a tramitación do PXOM
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029