Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Voltar
O FESTIVAL SONRÍAS DE BUEU CONFIRMA A TODOS TUS MUERTOS NA EDICIÓN DESTE ANO
[Cultura]
[Do Mércores, 22 de Febreiro do 2017 ao Mércores, 22 de Febreiro do 2017]
A mítica banda arxentina, os sevillanos Narco e o carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, ARCO, súmanse a Amparanoia e a SES no cartaz do Festival que encherá Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto
Todos Tus Muertos foi, desde o seu nacemento a mediados dos 80, todo un referente do rock latinoamericano. Tres dos seus membros máis emblemáticos -o cuarto faleceu en 2011- reúnense por primeira vez en España 16 anos despois da súa separación para ofrecer a primeira fin de semana de agosto, en Bueu, un concerto imprescindible que fará cantar, saltar e poguear ao público do SonRías na que será a única oportunidade en Galicia de gozar co reencontro dunha das bandas máis icónicas da música latinoamericana. A organización dá continuidade, así, á presenza de grandes bandas da outra beira do Atlántico no Festival.

Os arxentinos súmanse, xunto co metal, o rock e o rap da mítica banda sevillana Narco -referencia imprescindible no rock español- e máis co proxecto persoal do carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, ARCO, ao cartel da XV edición do Festival SonRías Baixas. A organización, que xa adiantara a presenza de Amparanoia e SES, advirte que hoxe mesmo pon á venda, na web sonriasbaixas.info, as entradas cun prezo especial –e limitado- de 27,50 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída, e anuncia que axiña se confirmarán o resto dos artistas.

O que naceu como unha banda mestiza que conxugaba os gustos musicais dos seus integrantes acabou marcando unha época no rock Latinoamericano. Todos tus muertos distanciáronse no 2000, na cúspide do seu éxito, porque cada un dos seus membros quería explorar o seu propio camiño. Volven agora, cun directo que non escatima ningún dos seus temas clásicos. No SonRías Baixas ofrecerán un concerto absolutamente inclemente, marcado por unha audaz mestura na que teñen cabida o punk, o rap, o metal e ata o hardcore, pero tamén melodiosos fragmentos de rancheiras populares e un particularísimo rock rebelde, preñado de letras insurrectas, no que resoan os ecos de amigos da banda como Manu Chao ou Fermín Muguruza.

Narco forxa un estilo inconfundible no que conviven o metal, o rock e o rap. Os sons duros, combativos e agresivos da banda únense aos violentos cambios vocais de Distorsión Morais e Viquingo M.D. nun enerxético directo repleto de temas rotundos, envelenados de ironía e crueza. A banda naceu en Sevilla en 1997 e a comezos do milenio foi considerada "o grupo español máis orixinal dos últimos tempos" pola revista Rocksound. Despois de alcanzar un éxito rotundo nos seus primeiros anos de vida, en 2003 decidiron






tomarse un descanso, pero non tardaron en sentir a chamada dos escenarios, que xa non volveron a abandonar. Desde 2008 énchenos cos seus elaborados riffs, o seu impactante estética e cunha gran variedade de influencias musicais.

O carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Antonio Arco, conquistará o escenario do SonRías Baixas co seu proxecto persoal, ARCO, no que os fans da mítica banda recoñecerán a súa característica voz rota e a instrumentación clásica de banda de rock, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Unha proposta persoal, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados, que entronca con esa xeración de músicos urbanos que percorren con soltura os camiños que unen o rock de acento flamenco e o pop de aspiración masiva.

Amparo Sánchez retoma o proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, no 20 aniversario do seu primeiro álbum: El poder de Machín. E faino cunha xira que porá a cantar e a bailar ao público con temas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Cancións fronteirizas e coloridas, como "Que te den" ou "La fiesta", cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumberos. Revolucionaria musical, estandarte internacional da fusión, premiada pola BBC, Amparo Sánchez é unha artista sempre comprometida que se caracterizou pola enerxía do seu directo, pola alegría que transmiten as súas letras e pola súa valentía á hora de mesturar diferentes tipos de sons: blues, soul, boleros, rancheiras, rumbas, música popular suramericana... En El poder de Machín, que cumpre agora 20 anos, mostra o seu lado máis latino e bohemio acompañada por artistas como Manu Chao ou Víctor Coyote. E, aínda que 20 anos non son nada, si son o mellor motivo para mirar o pasado sen nostalxia... Con alegría!

Unha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana. Esa é a marca da casa de María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que chega ao SonRías Baixas 2017 cun novo disco debaixo do brazo. Opoñerse á extinción é o cuarto álbum desta cantora bergantiñana, unha forza da natureza que conta cunha potente voz e cun estilo inconfundible cos que conquista a unha tropa de seguedoras e seguedores que converten en himnos as súas cancións, sempre enerxéticas e combativas. SES é puro xenio, inconformismo e paixón. E agora atrévese, ademais, a deixarlle máis espazo á cantareira que hai no seu interior e a introducir novas sonoridades. Este verán encherá o escenario do SonRías Baixas coas súas cancións de amor e de denuncia e coa súa honestidade, lucidez e rabia.


A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. O pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo Festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.

ENLACES
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029