Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Novas - Obras e Servizos
Voltar
O GOBERNO DE BUEU ULTIMA OS PROXECTOS QUE SE INCLUIRÁN NO PLAN CONCELLOS 2017 DA DEPUTACIÓN
[Obras e Servizos]
[Do Xoves, 23 de Febreiro do 2017 ao Xoves, 23 de Febreiro do 2017]
A mellora dos parques será un dos proxectos do Plan Concellos 2017
A mellora dos parques será un dos proxectos do Plan Concellos 2017
Entre as iniciativas deste ano están a mellora e creación de parques, a fonte cibernética da Praza Massó, a pavimentación de camiños municipais, a mellora do Colexio Infantil de A Pedra ou a reforma dos cemiterios municipais
O goberno municipal de Bueu está ultimando os proxectos que se van incluír no Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, do que este ano se percibirá un total de 622.669,39 €.
Segundo anunciou Félix Juncal, alcalde da vila, vanse incluír un proxecto de mellora e creación de parques infantís, escolares e biosaudables, a pavimentación de varios camiños en mal estado, a creación dunha fonte cibernética na Praza Massó, a mellora do Centro Infantil de A Pedra, e a construción dun aseo e vestiario no Cemiterio Municipal de Cela e unha reforma integral no Cemiterio Municipal de Bueu. Así, segundo consta nas bases da convocatoria, nun dos próximos plenos levarase unha proposta da alcaldía para consideración da corporación municipal.
No que atinxe aos parques, faranse dez actuacións de renovación dos espazos existentes e a creación de novas áreas de lecer, grandes dinamizadores da educación dos máis pequenos e pequenas. Así pois, os parques infantís da Praza do Concello, o dos Xardíns de María Eugenia e o do Outeiro vanse renovar integramente, instalando neles xogos novos. Así mesmo, vanse crear novos parques na Casa da Aldea de Meiro, na antiga escola unitaria de Cabalo e na de Sanamedio.
O proxecto contempla tamén a creación de parques biosaudables en Ramal dos Galos, no Paseo de Pescadoira e no Paseo de Agrelo – Portomaior. Ademais, o skate park de As Lagoas será implementado con novos módulos, tal e como acordara o alcalde cun grupo de rapaces e rapazas usuarios nunha reunión este verán.
O Concello aposta pola innovación e valorará a innovación en canto ao deseño e á novidade nos xogos. De feito, os pregos de condicións técnicas establecen que á hora de licitar o proxecto se van ter en conta tres propostas presentadas por cada empresa, nas cales é condición sine qua non que se presenten o 50% dos xogos que se instalen en parques infantís adaptados e inclusivos, e un 25% no caso dos biosaudables. En consonancia con este aspecto, Félix Juncal, alcalde de Bueu, anuncia que se deseñarán dúas áreas de xogos tradicionais (chave, petanca…) destinados a fomentar a relación entre persoas maiores e pequenas.
Outro proxecto que se vai levar ao Plan Concellos 2017 é o de pavimentación de camiños municipais que se atopan en mal estado. Tal é o caso do de Meiro-Outeiro, o Camiño do núcleo urbano de Vilar (Beluso), rúa Ramal dos Galos, e o último tramo do Camiño Sar – Cela, e o vial da Costiña (Cela).
A fonte cibernética será unha solución para a Praza Massó, á que se lle dará maior dinamismo. O proxecto prevé a instalación dunha fonte transitable cibernética, que se situará no lugar que hoxe ocupa o estanque e que se vai retirar debido a que na actualidade xa non se está utilizando como tal.
Tal e como se especifica no proxecto técnico, a fonte complementarase iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo. Con elo reforzarase o carácter lúdico da Praza Massó e modernizarase a imaxe dun espazo que foi creado no ano 2009 como parte da urbanización da mazá Massó, e no que se celebran habitualmente eventos e actos ao aire libre. Segundo o alcalde da vila, Félix Juncal, a instalación desta infraestrutura suporá “un valor ornamental ao que se engadirá a ampliación da oferta lúdica para os máis pequenos e pequenas”. As dimensións da fonte serán de aproximadamente 7,00 x 7,40 metros, polo que non ocupará o espazo total do estanque actual.
O obxectivo non deixa de ser outro que optimizar este espazo, no que xa se rexenerou o canabal e se instalou un peche perimetral de madeira a cargo do obradoiro de carpintaría da Asociación Juan XXIII.
No mesmo senso, o constante mantemento e mellora dos centros escolares segue a ser unha das liñas de actuación do goberno local, quen se compromete a realizar melloras no Centro Infantil de A Pedra, que consistirán nunha reparación do inmoble, mediante un tratamento, reparación e pintado da fachada; e dunha humanización do patio, no que se substituirá parte do asfalto por terra vexetal para a plantación de árbores, e no que reasfaltará a parte restante para mellorar o acabado que agora é moi abrasivo e dificulta a realización de actividades deportivas. Por último, a mellora tamén prevé o desprazamento da porta de entrada, coa que se ampliará a zona de agarda para os pais, nais e demais persoas, e que relanzará a senda do río Bispo nese espazo.
Tal e como salientou Juncal, “esta obra forma parte dun plan de reformas nos centros educativos que se levaron a cabo nos últimos anos, sempre procurando manter as mellores condicións de seguridade nos centros educativos, e tendo en conta a liña de cooperación coa Xunta de Galicia”.
O último proxecto que se incluirá nesta convocatoria da Deputación de Pontevedra será a mellora dos cemiterios municipais. No caso do de Cela vaise construír unha edificación na que se instalará un baño accesible e un cuarto para usos múltiples relacionados co mantemento. Pola súa banda, no de Bueu, farase unha reparación do espazo que actualmente se destina aos aseos e a almacén, e reformarase a cuberta, buscando unha solución máis efectiva para a evacuación das augas pluviais.
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029