Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Novas - Igualdade
Voltar
O CONCELLO DE BUEU CONMEMORA ESTE MÉRCORES O DÍA DAS MULLERES CUNHA PROGRAMACIÓN DIFERENTE
[Igualdade]
[Do Martes, 07 de Marzo do 2017 ao Mércores, 08 de Marzo do 2017]
Cartel Día Internacional das Mulleres
Cartel Día Internacional das Mulleres
Entre as actividades propostas destacan a estrea das curtas elaboradas polos centros educativos no marco do proxecto ExpresArte! e unha conferencia sobre a figura de Maruja Mallo e a súa presenza en Bueu
O Concello de Bueu organiza diversas actividades diferentes á de anos anteriores para conmemorar o Día Internacional das Mulleres, que se celebran este mércores 8 de marzo. A programación comezará ás 12 horas no Centro Social do Mar, onde se celebrará unha sesión dirixida principalmente aos centros educativos e que consiste na presentación da declaración conmemorativa a cargo do alumnado do IES Johán Carballeira e a presentación da imaxe gañadora que se utilizará como calendario da XI Campaña de Educación Non Sexista que corresponde á alumna deste centro Marta Piñeiro Torres. A continuación será a estrea das curtas elaboradas polos centros educativos da vila que participaron no proxecto ExpresArte!, unha proposta deseñada polo Centro de Información á Muller cunha subvención da Deputación de Pontevedra, que busca concienciar ás novas xeracións mediante a realización de curtas e videoclips sobre a igualdade no traballo, a violencia machista e a influencias da educación no necesario cambio de sociedade.
Pola tarde, ás 20.00 horas, está programada outra das actividades estrela desta data. Trátase da conferencia “A pintora Maruja Mallo en Bueu”, que será impartida polo historiador de arte Carlos López Bernárdez, autor tamén do libro Maruja Mallo. A pintura da nova muller, no que se evita o anecdótico e se salientan os aspectos estritamente artísticos situados no contexto xeral cultural histórico, sen esquecer o biográfico. Con este evento, o Concello quere dar a coñecer unha etapa desta pintora vangardista á que se lle dedica o Ano das Artes.
Entre os outros eventos que se organizan na vila co gallo desta data, destaca a tertulia literaria arredor do libro de Patricia Highsmith, Carol, que terá lugar este martes, 7 de marzo ás 21.00 horas na Biblioteca Pública Torrente Ballester de Bueu. Este evento terá unha segunda parte coa proxección do Cineclub de Bueu do filme baseado no libro, que será o 11 de marzo en dobre sesión: ás 19.30 e ás 22.00 horas.
A principal novidade deste ano é que non se vai celebrar a Gala da Igualdade, que se leva realizando dende o 2004 e que, tal e como xa se avanzara o ano pasado, vaise mudar debido a que xa se homenaxearon a case todos os colectivos de mulleres (un total de 123 mulleres de diversas profesións).

Convocatoria do VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

Con motivo desta data, no Consello da Igualdade do pasado mes tamén se anunciou que se vai convocar o VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, do que se prevé que o prazo de presentación de traballos se estenda ata o 25 de novembro, para dar paso logo á elección do xurado e poder entregar o premio na mesma data do 8 de marzo do vindeiro ano.
Nos seus inicios este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a varias persoas destacables no campo da cultura ata que tivo que paralizarse no 2011 por mor da crise económica. Así, na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato Dúas cunchas; seguidamente, Xurxo Sierra Veloso, con As dúbidas de María; Xosé Alfredo Naz Fernández, con Círculo, Serafín Parcero Pérez, con Ollos de cinsa; María del Carmen Caramés Gorgal, cos dous relatos Días de namorar e Lola e Alexandre Alonso Alonso con Xénero imperfecto.
Tras a quinta edición do premio, o Concello de Bueu publicou un volume especial, titulado Póker de dramas, no que se recollían os relatos gañadores da cinco primeiras convocatorias.
Viñeta gañadora IX Campaña de Educación Non Sexista
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029