Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Voltar
15 BANDAS PARA CELEBRAR OS QUINCE ANOS DO FESTIVAL SONRÍAS BAIXAS DE BUEU
[Cultura]
[Do Mércores, 15 de Marzo do 2017 ao Mércores, 15 de Marzo do 2017]
Cartel SonRías Baixas
Cartel SonRías Baixas
O Festival, que se celebrará a primeira fin de semana de agosto eu Bueu, suma a Dubioza Kolectiv, Dakidarría, Zoo, Guerrera, Mad Professor e Pedrá aos xa anunciados Estopa, Todos tus Muertos, Amparanoia, SES, Narco e ARCO
O Festival SonRías Baixas celebra a súa 15ª edición por todo o alto, con 15 bandas galegas, españolas e internacionais que encherán Bueu de festivaleiros con ganas de troula a primeira fin de semana de agosto. A delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv, o dub do rei da remestura Mad Professor, a descarga enerxética dos valencianos Zoo, o ska combativo dos Dakidarría, o blues experimental dos Guerrera e o tributo aos Extremoduro dos cacereños Pedrá súmanse aos xa anunciados Todos Tus Muertos, Estopa, Amparanoia, SES, Narco, ao proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, ARCO, nun cartel amplo e diverso que completarán as bandas gañadoras do concurso Sonidos Mans e máis o Dj SonRías. Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, música de raíz... do máis popular ao máis alternativo, do máis consolidado ao máis innovador, o SonRías Baixas celebrará a súa 15ª edición cun menú musical apto para os padais máis exquisitos. As entradas para esta edición do Festival están á venda na web e máis nos puntos de venda físicos por 35,5 € máis gastos.

Dubioza Kolektiv naceu en 2003 en Bosnia Herzegovina. Os seus integrantes querían transmitir coa súa música a complexidade da sociedade bosnia e explicarlle ao resto do mundo que a vida nos Balcáns vai máis aló dos estereotipos que mostraban os medios. Para conseguilo, crearon unha particularísima -e delirante- combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore bosnio. Con ela, conseguiron converterse nunha das bandas máis populares da Europa do Leste, líderes na loita social para o cambio desde os escenarios. Chegan ao SonRías Baixas cun novo disco debaixo do brazo, Happy Machine, no que colaboraron vellos amigos do Festival como o grupo catalán La Pegatina. Tal e como predican, se o que buscas son mulleres floreiro e raperos con pose de tíos duros, non o atoparás entre os Dubioza. Pola contra, gozarás cuns músicos extraordinarios que extraen dos sons tradicionais unha perspectiva única, moldeada por unha guerra que cambiou as súas vidas e traballada cun nivel de positividade que sentirás como unha onda de auga fresca.

Produtor e remesturador de cabeceira de artistas de renome mundial, Mad Professor é un dos magos de estudo máis coñecidos da historia. Produciu a artistas da talla de Sly & Robbie (a base rítmica de Bob Marley e da maioría dos artistas de reggae máis coñecidos), Sade, Massive Attack ou o mesmísimo Lee “Scratch” Perry, con quen gravou varios discos. Nado Neil Joseph Stephen Fraser en Güiana, Mad Professor é unha das grandes figuras da segunda xeración do dub. Emigrou a Londres aos 13 anos e alí entrou en contacto coa activa escena da música jamaicana. Pronto crearía o seu propio estudo, Ariwa Sounds, que foi un auténtico sementeiro de artistas de reggae e dub. O seu proxecto máis coñecido é No Protection, brillante reinterpretación dos temas do segundo álbum de Massive Attack, Protection, pero tamén é coñecido polos seus discos como artista, entre os que figuran con letras de ouro as súas míticas series “Dub Me Crazy” e “Black Liberation Dub”.

Desde Nigrán ata Bueu viaxa a big band galega que máis da que falar dentro do novo panorama musical estatal. Unha descarga de festa e compromiso que porá o público do SonRías Baixas a bailar, a pensar e a soñar co seu directo electrizante. Dakidarría logra un son fresco, divertido e desenfadado coa súa particular fusión de ska, reggae e punk-rock e pon a festa ao servizo das loitas sociais de onte, hoxe e mañá: os dereitos da muller, os dereitos lingüísticos, a solidariedade internacional e a guerra contra o pasotismo, o individualismo, o consumismo e a manipulación da prensa. O proxecto naceu no 2003 sobre o escenario do Bar Patos, no Val Miñor, nunha xornada en protesta pola xestión da crise do Prestige chamada Concerto Expansivo. Dende aquela, nunca deixaron de moverse. Ao longo destes anos avanzaron, pasiño a pasiño, levando o seu proxecto a salas e grandes festivais de toda a península ibérica, de parte de Europa e de México. No SonRías están como na casa, son vellos coñecidos do Festival e unha das bandas máis queridas polos nosos festivaleiros. Con eles, vibraremos ata altas horas!

Música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos. O directo do valencianos Zoo é unha descarga de enerxía non-stop que en menos de tres anos xa puxo a bailar ao público das festas maiores de Valencia, Cataluña, Madrid e Euskadi e de festivais como o ViñaRock, MareaRock, Feslloch, Festivern, Acampada Jove, Telecogresca ou o Shikillo. Os Zoo arrasaron en 2014 con Estiu, un hit que fala das inxustizas na vida dos máis humildes, da xente de barrio, no contexto dunha historia de amor de verán. Poucas veces un grupo chama tantísimo a atención con tan só unha canción e un videoclip… e encima en valenciano! Os de Gandía chegan ao SonRías Baixas co seu segundo álbum, Raval, debaixo do brazo. O feliz reencontro co público galego desta banda que supuxo todo un revulsivo na escena hip hop do Estado fará tremer Bueu o vindeiro mes de agosto.

Guerreira é unha banda galega que parte do blues experimental e a psicodelia dos 70 para aniquilar conceptos como o stoner ou o post-hardcore, alcanzando novas sonoridades cunha marcada personalidade propia. Os riffs incisivos e os ritmos de potencia marcial son a marca da casa, pero a eles súmanse influencias tan variadas como folclore suramericano ou a tradición xudía. Todo iso envolto co atractivo especial dunhas letras en castelán e galego que claman pola destrución do establecido. A banda xirou por todos os recunchos da península, tocando nalgúns dos festivais máis importantes de España e Portugal. Ao SonRías Baixas traen novo disco, un vinilo dobre homónimo que compón a obra máis contundente da banda. “Un afrodisíaco de hercios, unha odisea sonora excitante que atravesa os contornos do rock que alcanzaran cos seus primeiros traballos”, en palabras de Rubén Abad.

Desde o seu debut en 2009, os Pedrá tributo a Extremoduro non pararon de cultivar éxitos, boas críticas e horas sobre os escenarios. Suman xa máis de 30 versións e 300 concertos por toda a xeografía española, nos que sementaron o “rock transgresivo” coa forza, o bo rollo e a boa música que caracteriza a esta banda tributo ao “mellor grupo rock nacional”. Captan as sensacións dos seus ídolos e tentan transmitirllas ao público, póndolle sentimento e dándoo todo sobre o escenario.

E AS BANDAS XA ANUNCIADAS

La raja de tu falda, Poquito a poco, El del medio de Los Chichos, Como Camarón, Partiendo la pana, Vino tinto, El Run Run... os irmáns David e Jose Muñoz, Estopa, son autores de moitos dos grandes hits dos últimas décadas no Estado español. O seu último disco, Rumba a lo desconocido, producido co gañador de 12 Grammy Rafa Sardina, subiu tamén axiña ao Nº1 en vendas, conseguindo o dobre disco de Platino e colgando o cartel de “Todo vendido” nos seus concertos de España e América. O vindeiro mes de agosto porán a cantar e bailar ao público do SonRías Baixas coa súa música alegre e festiva, capaz de unir a persoas de todas as idades e condicións.

O que naceu como unha banda mestiza que conxugaba os gustos musicais dos seus integrantes acabou marcando unha época no rock Latinoamericano. Todos tus muertos distanciáronse no 2000, na cúspide do seu éxito, porque cada un dos seus membros quería explorar o seu propio camiño. Volven agora, cun directo que non escatima ningún dos seus temas clásicos. No SonRías Baixas ofrecerán un concerto absolutamente inclemente, marcado por unha audaz mestura na que teñen cabida o punk, o rap, o metal e ata o hardcore, pero tamén melodiosos fragmentos de rancheiras populares e un particularísimo rock rebelde, preñado de letras insurrectas, no que resoan os ecos de amigos da banda como Manu Chao ou Fermín Muguruza.

Narco forxa un estilo inconfundible no que conviven o metal, o rock e o rap. Os sons duros, combativos e agresivos da banda únense aos violentos cambios vocais de Distorsión Morais e Viquingo M.D. nun enerxético directo repleto de temas rotundos, envelenados de ironía e crueza. A banda naceu en Sevilla en 1997 e a comezos do milenio foi considerada "o grupo español máis orixinal dos últimos tempos" pola revista Rocksound. Despois de alcanzar un éxito rotundo nos seus primeiros anos de vida, en 2003 decidiron tomarse un descanso, pero non tardaron en sentir a chamada dos escenarios, que xa non volveron a abandonar. Desde 2008 énchenos cos seus elaborados riffs, o seu impactante estética e cunha gran variedade de influencias musicais.

O carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Antonio Arco, conquistará o escenario do SonRías Baixas co seu proxecto persoal, ARCO, no que os fans da mítica banda recoñecerán a súa característica voz rota e a instrumentación clásica de banda de rock, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Unha proposta persoal, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados, que entronca con esa xeración de músicos urbanos que percorren con soltura os camiños que unen o rock de acento flamenco e o pop de aspiración masiva.

Amparo Sánchez retoma o proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, no 20 aniversario do seu primeiro álbum: El poder de Machín. E faino cunha xira que porá a cantar e a bailar ao público con temas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración. Cancións fronteirizas e coloridas, como "Que te den" ou "La fiesta", cheas de ritmos latinos, mexicanos, árabes, flamencos ou rumberos. Revolucionaria musical, estandarte internacional da fusión, premiada pola BBC, Amparo Sánchez é unha artista sempre comprometida que se caracterizou pola enerxía do seu directo, pola alegría que transmiten as súas letras e pola súa valentía á hora de mesturar diferentes tipos de sons: blues, soul, boleros, rancheiras, rumbas, música popular suramericana... En El poder de Machín, que cumpre agora 20 anos, mostra o seu lado máis latino e bohemio acompañada por artistas como Manu Chao ou Víctor Coyote. E, aínda que 20 anos non son nada, si son o mellor motivo para mirar o pasado sen nostalxia... Con alegría!

Unha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana. Esa é a marca da casa de María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que chega ao SonRías Baixas 2017 cun novo disco debaixo do brazo. Opoñerse á extinción é o cuarto álbum desta cantora bergantiñana, unha forza da natureza que conta cunha potente voz e cun estilo inconfundible cos que conquista a unha tropa de seguedoras e seguedores que converten en himnos as súas cancións, sempre enerxéticas e combativas. SES é puro xenio, inconformismo e paixón. E agora atrévese, ademais, a deixarlle máis espazo á cantareira que hai no seu interior e a introducir novas sonoridades. Este verán encherá o escenario do SonRías Baixas coas súas cancións de amor e de denuncia e coa súa honestidade, lucidez e rabia.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. O pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo Festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029