Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Novas - Desenvolvemento Local
Voltar
CELA CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A XIV FESTA DO VIÑO TINTA FEMIA
[Desenvolvemento Local]
[Do Luns, 26 de Xuño do 2017 ao Luns, 26 de Xuño do 2017]
Presentación XIV Festa do Viño Tinta Femia na Praza de Abastos
Presentación XIV Festa do Viño Tinta Femia na Praza de Abastos
O evento arrancará este venres ás 20.00 horas e incluirá programación ata o domingo cunha decena de viños dos diversos colleiteiros/as
A parroquia de Cela acolle a próxima fin de semana un dos seus actos estrela: a XIV Festa do Viño Tinta Femia, que incluirá actuacións de música tradicional e degustacións e catas deste viño. Con motivo da presentación da programación, a Praza de Abastos de Bueu acolleu esta mañá a rolda de prensa na que estiveron presentes Fernando García, presidente da Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu e organizador do evento, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Xosé Leal, deputado de cultura e lingua, Benigno de la Torre, o pregoeiro, Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, e algúns dos colleiteiros/as.
O presidente da Asociación de Viticultores San Martiño quixo agradecer a colaboración dos entes públicos e privados na aposta por esta festa, que “esperemos que este ano supere as 1200 vendas da pasada edición”. Pola súa banda, Silvia Carballo reiterou a colaboración do Concello de Bueu na organización deste evento que recupera un “produto moi noso”. Nesta mesma idea abondou o deputado de cultura e lingua, Xosé Leal, quen se definiu como “un gran promotor deste viño por todos os actos provinciais aos que asisto” ao tempo que desexou que o futuro desta festa se levase “ás novas xeracións”.
O evento celebra este ano a décimo cuarta edición, tras recuperarse o pasado 2016 despois dun parón de varios anos. O venres ás 20 horas darase o pistoletazo de saída, para dar paso a unha actuación de Manolo e Ramón, un dúo de acordeóns, e pechar coa Foliada a cargo do grupo de gaitas Retrouso de Cela. O sábado será o día grande, e os festexos comezan ás 13 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu, e unha homenaxe aos furancheiros máis antigos. Ás 14 horas, Benigno de La Torre, redactor xefe do Faro de Vigo e veciño de Bueu, lerá o pregón da festa, o que xa avanzou que “como eu me criei nas bodegas de Cela, o pregón será moi noso, moi de Bueu”. E como remate dese día, ás 21 horas volverá actuar a agrupación Retrouso de Cela.
O domingo destaca a cata cega dos dez viños da festa, ás 13 horas, seguida da actuación do grupo folclórico Recordos da Nosa Terra. Xa ás 19 horas, entrega de premios e homenaxe aos colleiteiros, e para pechar sortearase unha caixa de viño Tinta Femia.
Con este programa, dende a organización pretenden continuar coa difusión dun produto propio de Bueu, e que foi loado por Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, como “un viño con enerxía e un sabor forte que é o que lle outorga valor e fai que sexa valorado en lugares como Barcelona ou Oporto”.
A cita será esta fin de semana, os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, e os/as asistentes terán a oportunidade de catar os viños dos colleiteiros/as: Carmen Cerqueiro Pazos, José Curras Estévez, Antonio Dopazo Loira, Olivia Durán Freire, Manuel Fazanes Freire, Manuel Freire Carballo, Laura Freire Rouco, Eugenio Gil Álvarez, Manuel Novo Loveira, José Pena Crujeiras.
Aínda que o alcalde da vila non puido estar presente nesta rolda de prensa, o certo é que destacou no Saúda da revista promocional do evento que, “convido a todo o pobo de Bueu a que continúe reafirmándose no seu, apostando por unha nova economía que teña como eixe fundamental a defensa do propio, dunha economía na cal o campo e o mar acaden a simbiose perfecta”.
Cartel da festa deseñado por Luis Davila
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029