Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Novas - Desenvolvemento Local
Voltar
ESTE VENRES INAUGURÁRONSE AS XORNADAS SOBRE O MONTE NA CASA DO POBO
[Desenvolvemento Local]
[Do Venres, 30 de Xuño do 2017 ao Sábado, 08 de Xullo do 2017]
Acto de inauguración das xornadas na Casa do Pobo de Beluso
Acto de inauguración das xornadas na Casa do Pobo de Beluso
Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou no acto e destacou que é importante “recuperar o valor da terra que forma parte do noso ADN” // As conferencias desenvolveranse ao longo deste venres e sábado, e a fin de semana próxima
A Casa do Pobo de Beluso acolleu este venres o acto inaugural das xornadas sobre o monte que organiza a universidade de Vigo, coa colaboración do Concello de Bueu e a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM), e que propón unha alternativa de vinte experiencias exitosas para buscarlle outros usos aos nosos montes. No acto estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Xabier Simón, profesor da Universidade de Vigo e coordinador das xornadas, e Luciano Guimeráns, presidente da APMM.
Xabier Simón comezou a súa intervención falando do importante que é “desmitificar a figura do rural”, e declarou que formarse sobre estes proxectos é ser parte dun coñecemento de moitos homes e mulleres do rural. Nesta idea abondou tamén Luciano Guimeráns, quen destacou que “no monte hai outras experiencias que debemos coñecer e que van máis alá da silvicultura”.
Pechou a inauguración o rexedor da vila bueuesa, que lembrou a colaboración do Concello coa Universidade de Vigo e coa figura de Xabier Simón, que xa desenvolvera fai anos un proxecto similar na vila. “Ante esta sociedade contemporánea que avanza a pasos galopantes, é necesario que nos paremos a pensar de onde vimos e que recuperemos o valor da terra que forma parte do noso ADN”, afirmou Juncal. Así arrancaron as xornadas que acollen experiencias que permitirán avanzar na dinamización con recursos propios, tal e como é o seu obxectivo.
As xornadas desenvolveranse durante todo este venres e mañá sábado, ademais do 7 e 8 de xullo na Casa do Pobo de Beluso e no que participan arredor de corenta persoas inscritas. Con todo, e dado que a matrícula no curso xa está pechada, faise un chamamento a toda a cidadanía e veciñanza para que asista a algunhas das conferencias, dado que é unha boa oportunidade para coñecer de primeira man todo o que se está facendo dende a propia xestión dos montes.

PROGRAMA
O programa comezou esta mañá cunha charla sobre o monte en Galicia e os seus antecedentes históricos e usos na sociedade tradicional, a cargo da Damián Copena, pasando a falar sobre a propiedade comunitaria e a xestión colectiva en Galiza e Portugal.
Con preto dunha vintena de relatorios, a continuación foi a quenda de Alberte Román, da Trespés Soc. Coop. Galega, que presentou o proxecto COMUNIX, no que se implican a mozos e mozas na gobernación de áreas comunitarias. Xa pola tarde terán lugar as conferencias “A custodia do territorio: unha alternativa para a conservación do monte”, con Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, “Ridimoas (1976-2017): estudo, defensa e conservación do bosque”, con David Rodríguez, da Asociación Ridimoas, e “Vida Común arredor do Monte Común”, a cargo de Carme Freire e José Carlos Figueroa, de Maisdetres.
Mañá sábado, 1 de xullo, as charlas organizadas serán “A xestión colectiva de montes privados, diversos exemplos de iniciativas sociais”, a cargo da Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo, seguindo con “Biomasa forestal, unha oportunidade para a obtención de bioenerxía”, con representantes da CMVMC de Coruxo, “Xestionando integralmente o monte: produción de fertilizantes e produción de carne”, con Abonos Lourido, “Xestión forestal sustentable no monte galego: o caso do monte comunal de O Rosal”, coa CMVMC de O Rosal e “A resinación de piñeirais: aproveitamento integral e xestión sustentable”, con Édgar Fernández Blanco, de Alianza de Resineros Gallegos.
Á seguinte semana, o 7 de xullo, as charlas serán sobre “Abella Lupa SAT: abellas traballando pola biodiversidade e o patrimonio rural” con Alexandre Cendón González, de SAT Abella Lupa, “Recuperación de terras abandonadas con gando menor, da produción á comercialización”, con Juan Alibés e Quico Ónega, de Baelia Cordeiro e Cabrito Atlántico, “Porco celta no monte do Incio: xestión comunitaria de monte privado individual e colectivo” de Carlos Gallego, da Cooperativa Porco Celta Incio, “Galeguesa, criando gando e pechando círculos”, de Aser Álvarez, e “Monte Cabalar: explotación cooperativa e gandeira das propiedades do monte” a cargo de representantes da Sociedade Monte Cabalar.
E xa para rematar estas xornadas, o 8 de xullo será a quenda de “Iniciativas innovadoras no Monte Veciñal de Couso”, coa CMVMC de Couso, “O sabugueiro, un monte de ideas”, de Eva González e Nelson Alonso, de Carabuñas, “O proxecto Batefogo. Prevención de lumes a través da participación social” con Miguel Pardellas e Paula Lubián, e por último, organizaranse algunhas visitas a experiencias de monte no Morrazo.
ENLACES
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029