Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Voltar
O FILME GREGO FOX GAÑA A ÁNFORA DE OURO NA DÉCIMA EDICIÓN DO FICBUEU
[Cultura]
[Do Luns, 18 de Setembro do 2017 ao Luns, 18 de Setembro do 2017]
Foto de premiados/as e autoridades no FICBUEU
Foto de premiados/as e autoridades no FICBUEU
A cinta suíza ‘Ruah’ acadou a Ánfora de Prata e ‘Timecode’ o Premio do Público nunha edición récord pola que pasaron 6.500 persoas
O filme grego ‘Fox’ proclamouse esta fin de semana gañador do 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ao facerse coa Ánfora de Ouro, dotada con 2.500 euros. O alcalde, Félix Juncal, fíxolle entrega do premio a Jacqueline Lentzou, directora desta historia sobre o paso á vida adulta. “Non hai industria nin mercado para as curtametraxes, por iso estes festivais son importantes, porque a xente pode vir ver os nosos filmes, xa que nós facémolos para o público” asegurou a realizadora, mentres que o rexedor destacou que “o cine e a cultura nos fan felices”, polo que o FICBUEU “consegue cada ano ilusionar o corazón de moitas persoas” e é “un proxecto social e cultural” que demostra “como unha vila pequena se pode converter nunha gran cidade da cultura”.
A Ánfora de Prata, dotada con 1.000 euros, foi para a cinta suíza ‘Ruah’, dirixida por Flurin Giger, que enviou un vídeo de agradecemento. Correspondeulle anunciar este galardón á presidenta da Deputación Pontevedra, Carmela Silva, quen felicitou á organización “por estes dez anos de éxito absoluto” e sostivo que “o mundo o seguen a mover as ideas e a cultura”. Con anterioridade, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, desvelou que o premio do público era para a curta española ‘Timecode’, de Juanjo Giménez. Segundo o representante autonómico, “un festival que leva dez anos se mantén no tempo polo apoio local, quen estades aquí toda a semana e o resto do ano facedes posible que exista e as institucións deben apoiar iniciativas que teñen detrás o respaldo da xente”, incidiu.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciou o premio á mellor curtametraxe española para ‘La disco resplandece’, de Chema García Ibarra, quen lembrou nun divertido vídeo de agradecemento o seu anterior paso polo FICBUEU. Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura e concelleiro de Innovación Tecnolóxica, Xosé Leal, foi o encargado de entregar o premio á mellor curta galega, que recolleu Nieve de Medina como integrante do reparto de ‘Néboa’, filme dirixido por Claudia Costafreda.
A actriz atopábase na gala para recoller tamén un dos premios honoríficos da noite, para o que a organización buscaba unha intérprete “que apostase polas curtametraxes, que fose unha gran actriz que nos admirásemos e cuxo recoñecemento público non estivese á altura do seu talento”, segundo expuxo o director do FICBUEU, Manuel Pena. “Desde que cheguei a Galicia non deixei de sorprenderme” apuntou a galardoada, “pasei por unha morea de festivais e este é unha xoia marabillosa”, asegurou. Outro dos recoñecementos foi para Antonio Durán ‘Morris’, premio cine galego, que recibiu de mans de Cristina Sanmartín, da asociación FICBUEU. O actor considerou que “este é un festival detallista, moi ben rematado, que coida moito o trato coas persoas convidadas; xa o primeiro día me fun impresionado” e desexou “moitos anos máis para o FICBUEU, para as curtas, para as longas e para a cultura en xeral”.
En canto aos once galardóns técnicos e artísticos, estiveron moi repartidos. O de mellor dirección foi para Luz Olivares por ‘Wald der echos’ (Austria) e o de mellor guión para ‘Leni K’ (España), de Alberto Taibo. O premio a mellor actriz recaeu en Nina Mazodier por ‘Un grand silence’ (Francia/Bélxica) e o de mellor actor en Amjad Prawej por ‘Disco obu’ (India/Singapur/USA). O xurado internacional integrado por Javier Tolentino, Paloma Biénzobas e António Costa tamén decidiu outorgar senllas mencións especiais en ambas as dúas categorías, unha a Lila Gueneau polo seu papel en ‘Cléo’ (Francia) e outra a Tin Vulovic, de tan só oito anos por protagonizar ‘Srečno, Orlo!’ (Eslovenia/Austria/Croacia).
O premio a mellor fotografía foi para ‘La Plage’ (Francia), o de mellor montaxe para ‘Samedi’ (Francia) e o de mellor dirección artística para ‘Irregulars’ (Italia). ‘Bier & Calippo’ (Austria) fíxose co de mellor música e ‘Valparaíso’ (Italia) co de mellor son. ‘Dadyaa’ (Nepal/Francia) foi recoñecido polo seu vestiario e ‘Ses souffles’ (Francia) pola maquillaxe e peiteado. A gala estivo conducida un ano máis polo actor César Aldea, coa música de Severiano Casalderrey ao piano, e contou no seu arranque cun fragmento da película ‘Satatango’, ao que seguiron a proxección da curta realizada no obradoiro de curtametaxe e o vídeo resumo da semana.
Unhas 6.500 persoas pasaron entre o 9 e o 16 de setembro polo 10º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, no que se proxectaron máis dun cento de curtas de corenta países e que contou tamén con múltiples actividades paralelas, como coloquios, obradoiros, radio en directo, maxia, contos, concertos, gastronomía, etc.
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029