Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Novas - Cultura
Voltar
CINEMAS DE GALICIA REGRESA ESTE OUTONO A BUEU PARA POÑER O MELLOR CINE
[Cultura]
[Do Xoves, 21 de Setembro do 2017 ao Domingo, 31 de Decembro do 2017]
Presentación de Cinemas de Galicia: Jacobo Sutil, Félix Juncal e Alba Sotelo
Presentación de Cinemas de Galicia: Jacobo Sutil, Félix Juncal e Alba Sotelo
A programación, xestionada polo Cineclub de Bueu, co patrocinio do Concello de Bueu e da AGADIC reanúdase de novo tras o parón do verán e incluirá sete proxeccións ata final de ano
O Concello de Bueu, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Cineclub de Bueu están participando este ano no proxecto Cinemas de Galicia, que ten por finalidade incrementar tanto o número de pantallas da Comunidade como as opcións de distribución dos filmes galegos e europeos máis recentes. Tras o parón do verán, a actividade fílmica regresa este venres a Bueu, ás 21.00 horas, da man de Lobos sucios, unha película ambientada nas minas galegas de wolframio que foron explotadas polos nazis durante a guerra, con inspiración en feitos, historias e personaxes reais. Seguindo coa ampliación da programación, o director do filme, Simón Casal, fará unha breve presentación e coloquio co público asistente.
Co motivo da nova programación de Cinemas de Galicia, esta mañá presentouse no Concello de Bueu nun acto no que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Jacobo Sutil, director de AGADIC, e Alba Sotelo, do Cineclub de Bueu, colectivo encargado da xestión do programa.
Tal e como salientou o alcalde, “é unha honra levar a cabo proxectos coa colaboración de entidades e cos que estamos recuperando o hábito de ir ao cine, tan arraigado na poboación no pasado”. Juncal referiuse así á calidade deste proxecto que continuará o ano que vén e que “define á perfección o tipo de vila que queremos ser”.
Pola súa banda, Jacobo Sutil, destacou a presenza deste programa en Bueu, que pasa a ser un dos nove concellos de Galicia integrados neste proxecto. O director da AGADIC deu os parabéns ao Cineclub de Bueu “pola gran aposta e a difusión e cariño con que a coidan”, e tamén lembrou que o obxecto do programa é dar a coñecer o cinema galego e europeo que non chegou a salas comerciais.
Alba Sotelo, en representación do Cineclub de Bueu, falou de todo un éxito na experiencia de abril ata xuño, na que se puideron ver varios filmes superando o récord de espectadores, cunha media de 80-90 persoas, superándose nalgún caso o cento. Ademais, tamén avanzou que o obxectivo é continuar coa fórmula de conectar co equipo da película ou presentando outros festivais de cinema. A actividade continúa ao venres seguinte, 29 de setembro, á mesma hora co documental ensaístico Angélica (unha traxedia), na que se fai un retrato peculiar e intenso de Angélica Liddell, poeta, actriz e directora de teatro de vangarda. Coincidindo con esta proxección, o Cineclub xa confirmou a presenza de Fran Gallo e Analía Alonso, do Festival de Cine de Ourense.
O 6 de outubro será a quenda de Toni Erdmann, comedia alemá na que se reflexiona sobre a felicidade a través do cambio de actitude dunha muller alemá moi estresada que un día descobre a un divertido personaxe imaxinario, que reactivará o seu sorriso.
Esquece Monelos poderá verse o 20 de outubro, que nos fala dun río que vai por debaixo das rúas da Coruña e do que moitos esqueceron. O documental de Ángeles Huerta é máis ca unha película sobre ese río, convertido hoxe en cloaca. Dende o Cineclub decidiron apostar por esta proposta dado que a esencia dos propios Cineclubs é coñecer a produción do país.
O 3 de novembro é quenda de Baixo a area, un filme bélico que nos leva á rendición de Alemaña en 1945. E as dúas últimas proxeccións son destacables por ser coproducións con Latinoamérica, onde se está creando cine de gran calidade. Así, o 17 de novembro, os e as asistentes poderán gozar da mexicana Pozoamargo, nome tomado dun pobo castelán no que se reflicte o abismo vital no que se adentra Jesús, un home que está a piques de ser pai e que sofre una enfermidade venérea.
E para culminar este ano, o 1 de decembro proxectarase Migas de pan, drama inspirado no relato de Liliana Pereira, unha ex presa política da última ditadura de Uruguay. A moza foi encarcerada e torturada no ano 1975 polas súas ideas, e perdeu a custodia do seu fillo. Anos despois, en 1982, Liliana decide volver ao seu país para enfrontarse ao seu pasado. Alí terá que elixir entre o que lle pide ao seu corazón e o que lle dita a súa conciencia, e enfrontarase ao dilema de elixir entre a concordia co seu fillo e a denuncia colectiva que prepara un grupo de antigas compañeiras de presidio.
Este proxecto é posible grazas á colaboración entre o Concello e o AGADIC, o que permitiu que xa entre abril e xuño, os espectadores/as gozasen de Mimosas, Cen anos de perdón, Os días afogados, Psiconautas, os nenos esquecidos e Siembra. E para ao ano que vén, os presentes xa salientaron que o programa continuará en marcha.
Cartel programación setembro-outubro
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029