Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Voltar
O FESTIVAL SONRÍAS BAIXAS CONFIRMA AOS GRUPOS LA RAÍZ E TERBUTALINA PARA A PRÓXIMA EDICIÓN
[Cultura]
[Do Venres, 26 de Xaneiro do 2018 ao Venres, 26 de Xaneiro do 2018]
Cartel avance Festival Sonrías Baixas 2018
Cartel avance Festival Sonrías Baixas 2018
O Festival volverá encher Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía // As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial de 25 € máis gastos, coa acampada incluída
La Raíz e Terbutalina, dúas propostas de descarga musical festiva e combativa, protagonizan o primeiro avance do cartel da XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto de 2018. A de Bueu será a única cita en Galicia da xira de despedida da big band valenciana, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado, mentres que os enfants terribles do garage punk galego presentarán no multiusos da Estacada o seu novo traballo, A casa da Tolemia, co que queren dar un cambio de rumbo ao proxecto. Despois de esgotar en menos de 12h os primeiros 200 abonos para o festival, nunha oferta express na rede antes de anunciar as primeiras confirmacións, as entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 25 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

Nos volveremos a ver é o irónico nome da xira de despedida de La Raíz, que terá este verán no SonRías Baixas a súa única parada en Galicia. A big band valenciana, considerada a número un da escena mestiza e comprometida do Estado español, chegará a Bueu para facer vibrar a todos os festivaleiros e festivaleiras co seu directo único e arrollador que transcende estilos e etiquetas. Rock, ska, hip hop, ventos, distorsión, letras comprometidas e melodías vocais caracterizan un tremendo e exitoso directo que fará ao público berrar, máis alto ca nunca, o lema da banda: “¡guerra al silencio!”.

Terbutalina, os enfants terribles do garage punk galego, abren nova etapa este 2018 con A Casa da Tolemia, un novo proxecto e un cambio radical de formación que presentarán en Bueu. Os Terbutalina chegan, por fin, ao SonRías Baixas, despois de encher salas e festivais de toda a península, de conseguir colgar o cartel de sold out na maioría de salas do país e de conquistar o premio ao Mellor Álbum en Galego de 2014 nos Premios da Música Independente e o premio María Casares 2017 á Mellor Música Orixinal coa súa colaboración coa compañía teatral Chévere na obra Eroski Paraíso.


Unha inxección económica de 1.500.000 euros

O pasado verán, o SonRías Baixas converteu Bueu no epicentro do rock e das músicas do mundo, ao encher a vila de festivaleiros e festivaleiras procedentes de diversos puntos do mapa. Quedou patente que o evento é moito máis que un festival, é toda unha experiencia que unifica unha localización urbana e natural única cunha completa programación musical e cultural que combina a música con disciplinas como a gastronomía ou o audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo foi artellado de tal xeito que se creou unha experiencia única para todos os asistentes.

A organización quixo anticiparse ás novas tendencias, amosando o seu carácter pioneiro, ao utilizar por primeira vez en Galicia as pulseiras cashless para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising, ofrecendo ao público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa. Un auténtico despregamento de medios e de personal humano para a edición máis madura da historia do festival, que tamén deu un gran salto adiante noutras áreas como produción, loxística ou comunicación e que supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.500.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias nalgúns casos. Coa finalidade de que a actividade do Festival repercutise o máximo posible na zona, dende a organización afirman que sempre intentaron priorizar na búsqueda de profesionais e empresas proveedoras a nivel local. Así, nesta edición, contratáronse os servizos de 135 proveedores e máis de 400 persoas traballaron durante a celebración do evento, a maior parte, xente da comarca.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “o Festival dos moi Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e conta, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.

Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029