Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Voltar
O FICBUEU PROMOCIÓNASE NO CÉLEBRE FESTIVAL DE CURTAMETRAXES DE CLERMONT- FERRAND
[Cultura]
[Do Xoves, 08 de Febreiro do 2018 ao Xoves, 08 de Febreiro do 2018]
Manuel Pena, director do FICBUEU, e Sofía Colquhoun, membro do equipo
Manuel Pena, director do FICBUEU, e Sofía Colquhoun, membro do equipo
Membros do equipo desprazáronse a Francia para coñecer as novidades do sector e manter diversas xuntanzas
Unha delegación do FICBUEU, encabezada polo seu director, Manuel Pena, atópase esta semana en Francia para asistir ao Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, un dos eventos máis importantes do sector a nivel mundial. A viaxe forma parte da estratexia para promocionar a cita bueuesa no eido internacional, recadando información sobre as últimas novidades e mantendo diversas xuntanzas.
Deste xeito, os membros do equipo acudirán ás proxeccións da sección internacional, na procura de filmes que poidan resultar de interese para o FICBUEU, ao tempo que visitarán o gran Mercado da Curtametraxe, con 143 expositores de 29 países e máis de 8.000 obras na videoteca. Ademais, reuniranse co delegado xeral da cita gala, Laurent Crouzeix, para compartir impresións sobre a organización deste tipo de eventos.
Tamén manterán encontros co festival italiano Concorto e mais coas plataformas de distribución e inscrición de curtas Festhome e Shortfilmdepot, esta última empregada polo Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que nestes intres e ata o 14 de abril ten aberto o prazo para a presentación de obras. A axenda inclúe asemade xuntanzas coas delegacións de Comunidades Autónomas españolas presentes en Clermont-Ferrand, a onde cada unha leva o seu novo catálogo de curtas.
Segundo Manuel Pena, “a experiencia está a resultar moi interesante e enriquecedora, xa que nos permite achegarnos de primeira man a traballos de primeiro nivel mundial e manter un contacto directo con organizadores, distribuidoras e promotores”. “Sen dúbida, este intercambio de coñecementos repercutirá positivamente na vindeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu”, conclúe o seu director. O FICBUEU desenvolverase la localidade pontevedresa entre o 7 e o 15 de setembro, co apoio do Concello de Bueu, alén doutras entidades públicas e privadas. As bases do certame están dispoñibles en www.ficbueu.com.
Voltar
O tempo
Perfil do contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Praias
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de natureza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Páxina con Documentación sobre Bueu
Séguenos en Twitter
Séguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029