Inicio
Web Oficial do Concello de Bueu
Inicio
Galego
Español
Colectivos y Clubes
Volver
BUEU ÚNESE AO PROGRAMA CINEMAS DE GALICIA, PARA POTENCIAR O CINE GALEGO E INTERNACIONAL
[Cultura]
[Del Jueves, 20 de Abril del 2017 al Jueves, 20 de Abril del 2017]
Presentación do programa Cinemas de Galicia
Presentación do programa Cinemas de Galicia
A programación incluirá unha ducia de filmes, e comeza este sábado, coa proxección do filme “Mimosas”, de Oliver Laxe, ás 21 horas no Centro Social do Mar
O Concello de Bueu, o Cineclub de Bueu e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) participan este ano no programa Cinemas de Galicia, que ten por finalidade incrementar tanto o número de pantallas da Comunidade como as opcións de distribución dos filmes galegos máis recentes. Así o salientaron Jacobo Sutil, presidente da AGADIC, Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xoán Pastoriza, secretario do Cineclub de Bueu na rolda de prensa celebrada esta mañá.
O programa, ao que están adheridos nove concellos, pretende “levar a vilas pequenas filmes galegos e internacionais”, en palabras de Xoán Pastoriza, idea que tamén apuntou o director da AGADIC, quen recoñeceu que “se trata dun programa que contribúe á difusión do noso cine, ao tempo que recupera o hábito da pantalla grande e nos ensina o lugar dos nosos filmes no ámbito internacional”. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, declarou que “os Cineclubs son os responsables de manter erguida a bandeira do cine en Bueu”, e que este proxecto está moi en coordinación co de Sábados de Teatro, posto en marcha polo goberno bueués. Juncal apuntou que “Cinemas de Galicia” se trata dun proxecto ambicioso, no que se proxectará unha ducia de películas, e que se realiza mediante un convenio de colaboración entre ambas administracións, que suman arredor de 5000 euros.
A programación arrancará este sábado con “Mimosas”, filme dirixido por Oliver Laxe, que mereceu o Premio Semana da Crítica do Festival de Cannes en 2016, e o Premio Especial do Xurado e Mellor Son no Festival de Sevilla. Laxe propón unha epopea sobre a sacralización dun mundo no que aínda existe unha busca da vontade divina, para falar, en última instancia, do poder transformador da fe. Unha mensaxe cifrada nunha poética de alcance universal. Esta proxección, que contará coa participación do produtor Felipe Lage, poderase ver no Centro Social do Mar ás 21 horas, cunha cota de entrada de 3 euros. Desde o Cineclub destacan que ese mesmo día, ás 19 horas, celebrarase a Asemblea Extraordinaria, na que se informará aos socios e socias sobre o programa.
O sábado 6 de maio, os espectadores e espectadoras terán a posibilidade de ver “Cen anos de perdón”, dirixida por Daniel Calparsolo, inserido nos códigos do cine de denuncia e crítica social, no que se empregan esquemas clásicos do cine de roubos e atracos para poñer de manifesto a corrupción e a pirámide de intereses que se irá desmoronando e poñendo de manifesto a podredume moral e social.
O 19 de maio será a quenda de “Os días afogados” de César Souto e Luís Avilés, unha proposta documental que conta como afectou a construción en 1992 do embalse de Lindoso, en Portugal, as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Cando todo estaba a piques de perderse, os habitantes destes lugares colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a rexistrar todo o que acontecía. O filme deixa patente a tensión entre o existencial e o político, entre o tempo pasado e o presente, para explicar a realidade. Para esta proxección, e segundo avanzaron os responsables do Cineclub, vaise contar coa presenza de Ana Estévez, directora da Mostra Internacional de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE), certame no que este filme se fixo co Premio do Público.
“Psiconautas, os nenos esquecidos”, dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Rivero, terá o seu oco o 3 de xuño. Esta fita de animación para adultos está adaptada da novela gráfica homónima de Alberto Vázquez, e conta a historia de dous amigos que decidiron fuxir dunha illa asolada por unha catástrofe ecolóxica, un illándose do mundo, e o outro emprendendo unha arriscada viaxe.
O 16 de xuño estrearase “Siembra” de Ángela Osorio e Santiago Lozano, que conta a mudanza dun home e o seu fillo da costa de Colombia a Cali, onde atopan dificultades para adaptarse á cidade. “Siembra” é unha produción colombiana e alemá, e foi o Premio do Público do Festival de Novos Cinemas, motivo polo cal o día da proxección Ángel Santos, manterá un coloquio cos asistentes.
A segunda fase de Cinemas de Galicia desenvolverase de setembro a decembro e darase a coñecer máis adiante.
Programación Cinemas de Galicia
Volver
El tiempo
Perfil del contratante
Sede Electrónica
Patrimonio en Bueu
Eventos en Bueu
Playas
Plan Xeral de Ordenación Municipal
Aula de naturaleza Cabo Udra
Museo Masso
Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Patrimonio Hermelo
Fundación Novas
Página con Documentación sobre Bueu
Síguenos en Twitter
Síguenos en Facebook
GDR
© Concello de Bueu 2012. Concello de Bueu – Eduardo Vincenti, 8 – 36930 Bueu (Pontevedra). Telf. 986 390 029